Gradiant defende a innovación dixital nos sectores agroalimentario e acuícola galegos

venres, 6 de maio do 2016 Redacción

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, salientou hoxe nunha xornada organizada polo centro tecnolóxico Gradiant a oportunidade que supoñen tanto a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 para avanzar na dixitalización do sector primario galego.
No encontro, centrado na innovación e na adopción das TIC por parte do sector agroalimentario e acuícola, Varela incidiu en que o primeiro dos retos da RIS3, a folla de ruta que guía a innovación en Galicia, impulsa a modernización de actividades tradicionais dos sectores primarios galegos a través da innovación, impulsando a obtención de explotacións máis eficientes, innovadoras e rendibles.
O director da GAIN subliñou así mesmo os diferentes proxectos innovadores que, a través de programas como o Conecta PEME, o Innterconecta, ou as aceleradoras de innovación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a apoiar no sector agroalimentario.
Coa xornada celebrada hoxe, na que tamén participou o director xeral de desenvolvemento rural da Consellería do Medio Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, Gradiant defende que Galicia pode erixirse como un polo de innovación dixital a nivel europeo nos sectores agroalimentario e acuícola. O encontro permitiu coñecer casos concretos de innovación dixital no sector, ademais de coñecer os mecanismos de apoio previstos para avanzar neste eido.

PUBLICIDADE