Gradiant dá os primeiros pasos para crear un Digital Innovation Hub de Smart Farming en Galicia

luns, 16 de maio do 2016 Fernando Sarasketa

Luis Pérez Freire, director de Gradiant, na xornada de traballo celebrada no centro tecnolóxico

O Centro Tecnolóxico Gradiant organizou o pasado 6 de maio a xornada Hub de Innovación Dixital para o Sector Primario. O encontro celebrouse na propia sede de Gradiant no Campus de Vigo e desenvolveuse co obxectivo de pór a disposición do sector agroalimentario e acuícola a experiencia do centro tecnolóxico galego en cuestións como os datos masivos (Big Data), a analítica de datos ou a Internet das Cousas (IoT). Segundo informa Gradiant, os últimos avances neste tipo de tecnoloxías están a transformar a actividade dentro da cadea alimentaria, facéndoa máis intelixente e achegándoa aos conceptos de Smart Farming & Food Security (seguridade na alimentación e tecnoloxías intelixentes aplicadas ao agro, á gandería, á produción acuícola, etc). Os principais catalizadores deste cambio, engade o centro tecnolóxico, son os datos, grazas á revolución tecnolóxica dispoñíbeis en maior cantidade, rapidez e fiabilidade.
Boa parte dos froitos xerados por esta tendencia tecnolóxica xa se poden ver a día de hoxe. Gradiant, de feito, amosou na xornada do 6 de maio unha porción importante destas transformacións: mellor planificación da actividade, optimización de consumos e recursos, redución de impacto ambiental, mellor rastrexabilidade, mellora do rendemento da produción, coordinación entre actores dentro da cadea de subministración, entre outras vantaxes. O encontro foi, tamén, un recordatorio do potencial da nosa terra para dar acubillo á adopción integral destas tecnoloxías, sobre todo na economía rural. “Para lograr dar este paso adiante”, sinalou Gradiant, “é preciso que os distintos axentes implicados no sector (produtores, transformadores, provedores de maquinaria, enxeñarías, centros de coñecemento e administracións) colaboren de forma coordinada, co fin de aproveitar as oportunidades e superar os atrancos existentes, como a mellora das infraestruturas de conexión, ou a mellora das competencias dixitais”. Para o centro tecnolóxico non hai dúbida de que Galicia pode converterse nun polo de innovación dixital (Digital Innovation Hub, na terminoloxía da Comisión Europea) a nivel europeo nos sectores agroalimentario e acuícola.
Gradiant, grazas á súa visión e experiencia como presidente do Grupo de Traballo en Smart Farming e Food Security na Alianza Europea pola Innovación en Internet das Cousas (AIOTI), confírmase como o axente de innovación idóneo en Galicia para traducir e trasladar as últimas tendencias tecnolóxicas mundiais en Smart Farming, á realidade do sector primario en Galicia e España.
Coa xornada devandita do 6 de maio, Gradiant deu os primeiros pasos para que Galicia sexa un Digital Innovation Hub en Smart Farming, reunindo a todos os axentes implicados no encontro de traballo celebrado na súa sede de Vigo. Foi, en palabras do centro, “un punto de encontro e de reflexión imprescindíbel para produtores agropecuarios e cooperativas, produtores acuícolas, industria da transformación alimentaria, industria de fabricantes de maquinaria, enxeñarías orientadas ao sector agroalimentario e acuícola, enxeñarías TIC, centros tecnolóxicos e universidades”.
Durante o evento divulgáronse exemplos de casos de éxito en adopción e innovación dixital por parte do sector agroalimentario, como a aposta pola innovación de FEIRACO. Ademais, mediante relatorios a cargo de GAIN, AMTEGA e a Consellería de Medio Rural, a xornada permitiu coñecer como afronta este proceso de transformación a Administración, e que mecanismos de apoio se implementan desde o Goberno de Galicia.

PUBLICIDADE