Gradiant amosa o seu apoio aos faladoiros de CPEIG e AMTEGA sobre novas profesións dixitais

luns, 26 de setembro do 2016 Redacción

Un intre do faladoiro dixital sobre ciberseguridade celebrado o pasado 21 de setembro

O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de dar a coñecer que vai colaborar co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e coa axencia AMTEGA no seu programa conxunto para potenciar as vocacións tecnolóxicas e a inserción e reorientación laboral a través da formación en novas tecnoloxías da información. Este programa materialízase na iniciativa 1 mes, 1 profesión dixital e na web profesionsdixitais.org que teñen o obxectivo de concienciar a xuventude e/ou experimentados profesionais da necesidade de ter coñecementos dixitais sólidos. Como lembraremos, a iniciativa está a dar como resultado unha serie de interesantes faladoiros dixitais. O máis recente foi o do 21 de setembro, centrado principalmente no ámbito da ciberseguridade e a protección dos datos e as comunicacións.
O seguinte desenvolverase o 28 de setembro, a partir das 9:45 horas nas instalacións do Centro Tecnolóxico Gradiant, coa Internet das Cousas (Internet of Things, IoT) como eixo temático, unha tecnoloxía (a das cousas conectadas) na que Gradiant é un referente a nivel internacional. Ao fío da celebración deste faladoiro dixital o centro tecnolóxico está a facer un chamamento para convidar á cita a todos os interesados na cuestión IoT, sen dúbida un dos ámbitos tecnolóxicos de meirande proxección de cara a creación de novos nichos laborais. A inscrición, de balde, xa está aberta a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.gal e da web www.profesionsdixitais.org.

PUBLICIDADE