Gradiant amosa a súa experiencia en transferencia nas xornadas sobre medre intelixente que organizaron a UVigo e a UMinho

mércores, 30 de outubro do 2013 Redacción

Os días pasados celebráronse no campus de Vigo uns encontros galego-portugueses dirixidos a establecer máis e mellores recursos e plataformas para a colaboración a través da fronteira no eido da transferencia tecnolóxica (o fluxo de coñecemento e experiencias procedentes dos centros de I+D en dirección ás empresas e as institucións públicas). Estas Xornadas por un Crecemento Intelixente da Eurorrexión contaron, entre outros relatores, coa participación de Fernándo Pérez, director xeral de Gradiant, un dos centros galegos e estatais que máis ten apostado nos últimos anos por achegar combustíbel ao dito proceso de transferencia. Pérez participou na mesa redonda Os centros de excelencia investigadora nas Universidades de Galicia/Norte de Portugal: os motivos do éxito.
Tamén interviñeron o director do CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Diéguez; a directora de AtlantTIC, Nuria González Prelcic e o investigador do centro 3BS da Universidade do Minho, Nuno Sousa. Os participantes, moderados por Roxelio Conde-Pumpido, director de Xestión e Valorización da I+D da Universidade de Santiago de Compostela, debateron sobre o papel e as traxectorias dos diferentes centros dedicados á I+D na Eurorrexión.
Estes encontros celebráronse durante esta semana durante o luns e o martes e en dúas sedes diferentes: a UVigo e a Universidade do Minho, en Braga. Foron inauguradas polo reitor da institución galega, Salustiano Mato, quen dixo que “non podemos seguir a ser simples convidados ou actores secundarios en Europa, temos que unir forzas e esforzos para facernos visibles, e a constitución dunha macrorrexión do sudoeste do continente permitiranos crear a masa crítica suficiente para amosar as nosas capacidades”. Mato foi o primeiro dos relatores das xornadas, que ao día seguinte trasladáronse a Braga, e fixo fincapé na colaboración máis aló das fronteiras, unidos por intereses e problemáticas comúns pero tamén subliñou a necesidade de que universidades e tecido produtivo acheguen posturas, “convertendo ás institucións académicas en fábricas de solucións para as empresas da contorna”.
No acto de apertura, amais de Mato, tamén participaron António Cunha, presidente da Fundación CEER e reitor da Universidade de Minho; María José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Luis Novoa, vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia; Juan Lirón, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial GNP e Rubén Lois, director da Fundación CEER. Todos eles puxeron o foco no Horizonte 2020, a estratexia da Unión Europea que substituirá a partir de 2014 ao Programa Marco de financiamento. A continuación celebrouse a mesa de debate que mencionamos ao comezo, centrada no papel dos centros de excelencia nas universidades de Galicia e do norte de Portugal.
Pola súa parte, o sector da empresa centrou a primeira mesa redonda da tarde, na que os propios representantes do tecido produtivo, entre eles de Roadman Polyships ou Reganosa, expuxeron as súas demandas á investigación aplicada que se xera na universidade. Para rematar este día, o presidente do Consello Social da Fundación CEER e da Fundaçao Serralves, Luís Braga da Cruz, imparte unha conferencia sobre as posibilidades competitivas reais da Eurorrexión.

PUBLICIDADE