Gradiant aínda dispón de prazas libres para a xornada informativa sobre financiamento do sector TIC

venres, 7 de setembro do 2012 Raquel Noya

As persoas interesadas en coñecer as vantaxes de financiamento que achega o Programa Marco da Comisión Europea en materia tecnolóxica, poden facelo en persoa o vindeiro martes 11 de setembro na sede de Gradiant, no edificio CITEXVI de Vigo, onde vai ter lugar unha xornada informativa, para a que aínda quedan prazas dispoñibles.
O acto, que organiza o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación e INEO, é de balde previa inscrición na web oficial, e servirá para que as persoas asistentes coñezan de primeira man as bases das convocatorias Cooperacion TIC e de Investigación para PEME do VII Programa Marco da Comisión Europea.
Máis polo miúdo, na xornada cubriranse as próximas oportunidades de financiamento para empresas TIC inseridas no programa de Cooperación TIC, en particular os retos 1 (“Infraestruturas de Rede e Servizo ubicuas e confiables”) e 5 (“TICs para a saúde, envellecemento activo, inclusión e gobernaza”) do programa de traballo publicado pola Comisión Europea para 2013.
Tamén se exporán os detalles da última convocatoria do programa Capacidades dedicadas á Investigación para PEME, e analizarase o futuro marco de axudas de I+D+i a pequenas e medianas empresas que rexerá o período 2014-2010.
O evento será presentado polos representantes das 3 entidades organizadoras: Ricardo Capilla, director da Axencia Galega de Innovación; Fernando Pérez González, director xeral de Gradiant e Jorge Cebreiros, presidente de INEO, que se encargarán de darlle a benvida ás persoas asistentes.
Tamén intervirán, xa entrando en materia, varios profesionais do CDTI, como Rebeca Frías, Javier Echávarri e Luís Guerra, que farán as súas achegas informativas a través de distintos relatorios.
A organización, á espera de adiantar o nome de máis relatores convidados, afirma que se presentarán algúns casos de éxito ao remate da xornada informativa.

PUBLICIDADE