Gradiant afonda nas múltiples vantaxes da tecnoloxía Ultrawideband (UWD)

mércores, 5 de marzo do 2014 Redacción

Gradiant, Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, segue a dar pasos no seu obxectivo de aliñar a I+D universitaria coas demandas empresariais centrándose en tres áreas de actividade: comunicacións dixitais, información multimodal, redes e aplicacións. Emporiso, o centro con sede en Vigo está de actualidade por estar investigando os diferentes eidos de aplicación da tecnoloxía Ultrawideband (UWB ou Banda Ultra Larga, en galego), especialmente aplicada no seu uso para o posicionamento en interiores e para a detección de ritmo cardíaco e respiratorio sen contacto; unha idea que pode ser aplicada á monitorización de pacientes hospitalizados, diagnóstico de apnea do sono e mesmo ir á procura a persoas atrapadas entre cascallos.
E a que nos referimos con ese termo de Ultrawideband? O UWD abrangue todo un conxunto de sistemas que empregan un ancho de banda ou rango de frecuencias amplo, comparado co empregado habitualmente en sistemas de comunicacións. Este elevado ancho de banda permite transmitir datos a taxas moi altas, sen máis que usar mecanismos de comunicacións análogos aos empregados polo resto de sistemas. Porén, esta tecnoloxía é moito máis que iso, pois as principais liñas de uso para esta tecnoloxía na actualidade céntranse en aspectos que se afastan da mencionada capacidade de transmisión.
Así, a UWB permite transmitir pulsos illados de moi curta duración, e os devanditos pulsos poden ser empregados para medir distancias con precisións notábeis. Asemade, existen plataformas comerciais capaces de acadar precisións de centímetros sobre alcances maiores a cen metros. Estas capacidades, xunto cos desenvolvementos en electrónica dos últimos anos, fan dela unha alternativa moi prometedora para a localización en interiores, onde os sistemas de posicionamento por satélite como o GPS resultan ineficaces. Amais, estes mesmos pulsos curtos poden ser empregados para transmisión de datos a baixa ou media taxa a distancias curtas, o que supón unha vantaxe adicional de cara ao novidoso Internet das Cousas e ás redes de sensores tradicionais, ao permitir o posicionamento preciso e comunicacións nunha única tecnoloxía. Por outra banda, os sistemas radar tamén poden beneficiarse desa resolución temporal para captar detalles e obter información moi completa da contorna. Máis aínda, as ondas electromagnéticas de baixa frecuencia son quen de penetrar no chan, paredes de ladrillo ou xeo, polo que o uso de Ultrawideband sobre estas frecuencias permite interesantes aplicacións como a “visión a través das paredes” cunha resolución centimétrica ou seguimento do estado do asfalto, entre outras.

PUBLICIDADE