Gradiant aconsella: de usar servizos para protexer os datos estas vacacións, que sexan seguros

martes, 6 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

Se temos coidado cos cartos e non se nos ocorre deixalos nunha casa baleira durante vacacións, debaixo do colchón, por que teriamos que deixar de aplicar o mesmo sentido común no que a datos se refire? Pois por moito que nos custe crelo, a información dunha empresa, en moitos casos, ten os mesmos niveis de seguridade que a roupa lavada que poñemos a secar nunha xanela a pé de rúa. E isto, malia a importancia que teñen os datos propios dunha empresa, xunto cos traballadores o seu principal activo. Para botar un pouco de luz sobre todo isto e, tamén, para axudarnos a pór en marcha certas medidas básicas que acheguen un aquel de seguridade, o centro Gradiant vén de achegar unha serie de recomendacións sobre como se debe actuar antes de pór nunha empresa ou fogar familiar o cartel de pechado por vacacións.
Segundo nos contan os investigadores do centro galego de I+D, os sistemas domésticos de copias de seguridade non son mala solución, sempre que estean ben seguros ante os intrusos. Por outra banda, engádese, nos últimos anos están a popularizarse os servizos de almacenamento na Nube, que ofrecen grandes vantaxes, pero tamén algúns inconvenientes. Para comezar, sobre o papel os recursos da Nube deberan ser unha alternativa a ter moi en conta para facer copias de seguridade con tal, precisamente, de que fosen seguros. A nivel de usuario hai un abano amplo de servizos, como Dropbox, GoogleDrive ou Apple iCloud, que segundo nos lembran dende Gradiant ofrecen un servizo de almacenamento en liña sincronizado automaticamente con varios computadores ou dispositivos. “O polémico e recente peche de Megaupload”, comentan, “foi un golpe importante ao sector Cloud, pero ao mesmo tempo proporcionou unha valiosa lección aos usuarios: non se deben gardar os datos que consideremos importantes para nós ou o noso negocio nun único lugar”.
Porén, o propio centro galego recorda que ten unha longa experiencia en aspectos de seguridade e tolerancia a fallos en Cloud Computing, e tense implicado a fondo en varios proxectos de investigación na procura de solucións aos problemas do almacenamento na Nube. De feito, xa puxo en funcionamento avances como o SafeGDocs, unha extensión de navegador para cifrar os datos que teñamos almacenados en GoogleDocs, ou investigacións no eido do Cloud Brokering, nas que se trata de xestionar diversos servizos de almacenamento en liña de distintos provedores desde unha única plataforma. Volvendo a SafeGDocs, dicir que entre os seus obxectivos atópase o de asegurar a privacidade da nosa información, mesmo fronte a un posíbel acceso do provedor do servizo de almacenamento da información. Trátase, ademais, dun complemento para o navegador Firefox que se integra con Google Drive. O complemento atópase dispoñible de forma gratuíta na páxina web específica de SafeGDocs (e tamén no Facebook de seu). Os autores deste software son os investigadores Lilian Adkinson, Daniel A. Rodríguez, Saúl Méndez, Alexander Tsybanev e Celia González, do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

PUBLICIDADE