Google volve encabezar o ranking das 100 marcas de máis peso no mundo

martes, 22 de abril do 2008 Raquel Noya

Que Apple, Microsoft, Google ou IBM son compañías moi poderosas que obteñen milleiros de millóns de dólares en beneficios ó final de cada ano non é unha novidade para ningún de nós. Agora ben, a cousa muda se temos que ordenar o valor das súas marcas de maior a menor e dicir cales son as máis fortes e cales as menos, xa que, con números que pasan das 8 cifras, as contas comezan a darnos vertixe, sobre todo tratándose de beneficios netos ao ano.
Esta tarefa de contabilizar os millóns de dólares que obteñen as marcas máis coñecidas á nosa conta xa a fixo por nós Millward Brown Optimor, que un ano máis vén de presentar o seu Brandz, que é o ranking das 100 marcas máis potentes do mundo e que mide as relacións e a lealdade entre os consumidores ou usuarios e as marcas de produtos ou servizos.
Por segundo ano consecutivo, a todopoderosa Google volve a encabezar esta listaxe cun valor de marca de 86.100 millóns de dólares, seguida de General Electric (71.400 millóns de dólares) e de Microsoft (70.800 millóns de dólares).
Ademais das xa mencionadas, entre os 10 primeiros postos da lista, atopamos a Coca Cola, China Mobile, IBM, Apple, McDonald´s, Nokia e Marlboro. As cousas semellan irlle ben ás empresas relacionadas coas novas tecnoloxías: bo caso de IBM, a compañía escalou até tres chanzos no ranking, Apple subiu 9 e Nokia 3.
As marcas españolas tamén teñen un lugar privilexiado na listaxe, na que compiten empresas internacionais como a galega Zara, o Banco Santander ou o BBVA, compartindo un posto na listaxe con Movistar (posto 88) que facturou ao longo do pasado ano máis de 8.000 millóns de dólares.
O sector da tecnoloxía (incluíndo as operadores de móbiles), que está presente con 28 marcas en Brandz, está por riba das demais categorías deste ano, cun medre do valor de marca de 187.500 millóns de dólares, que supón máis da metade do incremento experimentado pola totalidade das marcas incluídas no Top 100.
O informe completo de Brandz, coas súas distintas categorías e desgloses rexionais, así como unha análise adicional, está dispoñible en liña.

PUBLICIDADE