Google tería ingresado uns 31.000 millóns de dólares grazas a Android

venres, 22 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O sistema operativo móbil de Google, Android, está baseado en Java, tecnoloxía sobre a que ten dereitos Oracle, o que levou a esta última compañía a emprender accións xudiciais contra a empresa de Mountain View, e agora que no tribunal está a presentarse información confidencial de Google, sábese o impacto económico real que para a compañía ten Android, sistema lanzado en 2008 que ten ingresos por dúas canles: publicidade amosada nos dispositivos móbiles e comisións de vendas da tenda de aplicacións Google Play.
Aínda que dende Google insistían en non querer facer públicos os seus resultados económicos, por ser información moi sensible da compañía, que podería ter un impacto negativo no seu negocio, finalmente transcendeu que Android xerou a Google uns ingresos de 31.000 millóns de dólares e uns beneficios de 22.000 millóns, o que podería ser unha cantidade moi importante para as reivindicacións de Oracle, pero que, se comparamos co negocio móbil de Apple, sería ridícula, xa que os ingresos polo iPhone no último trimestre de 2015 xa serían de 32.200 millóns de dólares (ou sexa, que en 3 meses Apple superaría a vida enteira de Android en ingresos).
No que á causa xudicial se refire, aínda que inicialmente os tribunais daban a razón a Google, finalmente parece que aceptarán que Oracle reciba unha compensación económica que podería superar os 1.000 millóns de dólares.

PUBLICIDADE