Google rende homenaxe a Méliès en 360 graos

xoves, 3 de maio do 2018 Marcus Fernández

Google sorprende hoxe modificando o logotipo do seu buscador cun doodle no que homenaxean á figura de George Méliès, o ilusionista e cineasta francés que desenvolveu moitas das técnicas e narrativas que sentaron as bases da cinematografía, para o que prepararon un fermoso vídeo en 360 graos producido por Nexus Studios e creado en colaboración coa Cinémathèque française.
O vídeo inmersivo accesible a través do doodle de hoxe é unha película muda de corte romántico titulada Back to the Moon, na que presentan a un ilusionista namorado que quere engaiolar á Raíña de Corazóns, a quen terá que rescatar do rapto dun malvado, para rematar a historia viaxando á lúa lembrando ao filme Le Voyage dans la Lune que Méliès elaborou en 1902.
Dende Nexus Studios consideraron que o mellor xeito de homenaxear o carácter pioneiro de Méliès era precisamente empregando ferramentas narrativas innovadoras como a realidade virtual.

Vídeo en 360 graos co que Google rende homenaxe a George Méliès

PUBLICIDADE