Google recomenda empregar chaves USB para protexer as nosas contas de usuario

mércores, 22 de outubro do 2014 Marcus Fernández

As chaves USB ocupan pouco tamaño, polo que poden levarse sempre enriba

Cada vez temos máis incidencias relativas á seguridade informática que fai temer que os nosos contrasinais poidan ir parar a malas mans, de aí que as compañías recomenden empregar métodos de verificación en 2 pasos, de xeito que, por exemplo, podemos facer que, aparte do noso nome de usuario e contrasinal, empreguemos o noso móbil para reforzar a seguridade da nosa conta, facendo máis complicado o acceso indebido aos nosos datos e, para continuar a avanzar neste ámbito dende Google propoñen agora o uso nunha solución de seguridade aínda maior: o uso de dispositivos físicos USB.
A idea é que unha vez que nos identifiquemos nunha páxina web, unha chave USB física entre en funcionamento tras comprobarse que a comprobación de credenciais ten lugar nunha páxina web de Google, transmítese unha sinatura criptográfica que non pode ser suplantada. Para poder facer uso desta solución temos que empregar o navegador Chrome é unha chave USB que empregue o protocolo U2F da FIDO Alliance, que poden atoparse no mercado por prezos bastante axustados (uns 6 euros).
Este xeito de empregar a verificación en dous pasos non funciona só con Chrome e contas de Google, senón que tamén poden empregalos outros servizos web para contribuír á protección das nosas contas que opten por esta tecnoloxía que como grande vantaxe ten o non precisar de móbil e estaría destinada principalmente para o seu uso en ordenadores persoais. Polo momento precisa como mínimo a versión 38 de Google Chrome e funciona nos sistemas operativos Chrome OS, Windows, OS X e Linux.

Esta solución de verificación en dous pasos están pensada especialmente para equipos informáticos

PUBLICIDADE