Google recibe máis de 250.000 solicitudes semanais para retirar contidos con dereitos de autor

venres, 25 de maio do 2012 Raquel Noya

O autor, Alejandro Suárez Sánchez-Ocaña, co seu libro

A semana que vén vai aterrar en Compostela o autor e responsable do libro, Desnudando a Google, que está a ter gran éxito de acollida entre o público pola falta de escrúpulos que ten para desvelarnos cada un dos segredos que o xigante americano nos agocha, tales como con qué ferramentas domina o mercado publicitario mundial, a letra pequena que se esconde trala maioría dos seus servizos, como opera de forma opaca dende paraísos fiscais, as prácticas monopolistas que realiza contra a competencia, os beneficios que obtén de tódalas aplicacións que ofrece de xeito –que se supón- gratuíto ou os acordos aos que chegou co goberno chinés para poder operar no seu territorio, entre outras moitas e interesantes revelacións.
Para entrar un pouco en materia do que nos conta Alejandro Suárez Sánchez-Ocaña na súa obra, convén que saibamos que Google recibe de xeito habitual ata 250.000 solicitudes cada semana para retirar contidos do seu buscador por infracción de dereitos de autor, unha cifra moi representativa do imperio que domina esta firma na actualidade.
Segundo nos conta hoxe ABC nas súas páxinas, a fonte é a propia Google, que este venres revelou os datos do seu informe anual de transparencia, o cal, na edición deste 2012 conta cunha nova sección de dereitos de autor.
O documento indica que as solicitudes recibidas na devandita sección aumentaron “con rapidez”, posto que “é bastante normal recibir máis de 250.000 solicitudes cada semana”, indican, máis das que recibiron en todo 2009 polo mesmo tema.
Entre os reclamantes propietarios dos dereitos de autor que aparecen no informe destacan na súa maioría, empresas de música, cine ou tecnoloxía, “tales como Microsoft, Sony Music, Warner Music, Universal ou Lionsgate”, mentres que na outra banda, na dos dominios que albergaban os contidos dos que non eran propietarios dos seus dereitos atopamos sitios tan populares como Filestube, 4Shared ou The Pirate Bay, aos que Google asegurou ter eliminado dos seus resultados de busca, tal e como sinala a firma no seu blog.
Tamén no seu blog Google afirma (non sabemos se nun alarde de falsa modestia) que “é moi importante loitar contra a piratería”, e que non queren “dirixir aos usuarios de Internet a materiais que infrinxan as leis de dereitos de autor”, polo que, segundo engaden, “responderon pronto ás solicitudes de eliminación relacionadas cos dereitos de autor” en cumprimento das normas establecidas pola lei estadounidense de protección dos dereitos de autor, Digital Millennium Copyright Act, (DMCA).

PUBLICIDADE