Google publica un paquete de desenvolvemento de webs para o iPhone

venres, 28 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Esta semana Google decidiu lanzar un paquete de desenvolvemento de aplicacións webs pensadas para o iPhone, demostrando o seu potencial cunha versión de Google Reader específica para o teléfono de Apple, que combina a Google AJAX Feed API coa interface de uso do iPhone.
O Google Web ToolKit permite facer aplicacións web para o iPhone de xeito que parecen auténticas aplicacións nativas para o móbil máis desexado do ano, e que tamén poden funcionar axeitadamente no iPod Touch, que tamén incorpora unha versión propia do navegador Safari.
Este lanzamento de Google resulta dobremente positivo, pois fai máis doado o desenvolvemento de aplicacións para o iPhone e tamén indica que Google está a adaptar os seus servizos ós novos navegadores móbiles, de xeito que a Internet móbil poderá evolucionar xunto cos seus servizos propios do escritorio informático.

PUBLICIDADE