Google publica un formulario para exercer o dereito ao esquecemento

venres, 30 de maio do 2014 Marcus Fernández

Nas últimas horas, e en cumprimento co sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), Google publica un formulario na súa páxina web para solicitar a retirada de resultados de busca en virtude da Normativa Europea de Protección de Datos, de xeito que os cidadáns europeos que detecten que Google publica resultados de busca que poidan considerarse “inadecuados, non pertinentes ou xa non pertinentes, ou excesivos dende o punto de vista dos fins para os que foron tratados” poderán solicitar a súa retirada, aínda que Google non o fará de xeito automático, senón que avaliará cada solicitude de xeito individual para buscar un equilibro entre a privacidade do usuario e o dereito á información do público.
Dende Google matizan que terán en consideración, por exemplo, información sobre estafas financeiras, neglixencia profesional, condenas penais ou comportamento público de funcionarios do Goberno, que poderían considerarse como de interese para o público xeral, e que non retiraría o buscador pola simple solicitude dun usuarios (outra cousa sería que fose baixo mandato xudicial).
O formulario de solicitude de borrado de información precisa dunha copia do DNI do cidadán que reclame (que deberá remitirse dixitalizado para poder verificar a identidade do remitente), así como a relación de ligazóns das que se pide a súa eliminación dos resultados de busca. Tras esta solicitude, Google podería comunicaralla tanto á autoridade de protección de datos pertinente como ao webmaster das páxinas web afectadas (para dar conta do contido que desaparecerá dos resultados de busca).

PUBLICIDADE