Google propón as videoconferencias como ferramenta formativa

martes, 5 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Para resolver problemas informáticos, recibir clases de música ou obter axuda cos nosos deberes Google ofrece unha nova solución baseada na videoconferencia, Helpouts, que fai uso de ordenadores e dispositivos con Android para comunicar persoas para solucionar os seus problemas con independencia de momento e o lugar, pois busca que sempre sexa doado atopar a alguén que nos poida axudar.
Esta nova plataforma permite que poidamos ter unha resposta a un problema actual, como instrucións para arranxar a porta dun garaxe, eliminar un virus informático do noso ordenador, recibir clases ou practicar idiomas, recibindo as persoais que ofrezan eses servizos unha compensación económica (aínda que actualmente hai moitas persoas que colaboran de xeito altruísta, posiblemente para gañar reputación). Os usuarios insatisfeitos poden solicitar o reintegro da cantidade aboada.
A axuda a través de Helpouts pode chegar de particulares ou de empresas (por exemplo, Sephora imparte clases de maquillaxe), ou sexa, que pode converterse nunha importante plataforma de atención ao cliente. Cando un usuario se incorpora a un Helpout non só pode falar co seu interlocutar, senón que tamén pode compartir a pantalla do seu ordenador, colaborar editando unha presentación ou gravar a sesión, na liña dos Hangouts de Google+.
Polo momento os Helpouts contan cun número reducido de categorías (Arte e Música, Informática e Electrónica, Cociña, Educación, Moda e Beleza, Fitness e Nutrición, Saúde e Casa e Xardín) que irán enriquecendo segundo vaia evolucionando este servizo que vén de botar a andar.


Vídeo de presentación dos Helpouts de Google

PUBLICIDADE