Google promove un formato aberto de balizas Bluetooth

mércores, 15 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos emerxeron distintos proxectos para facilitar a localización en interiores, suplindo así unha das meirandes carencias do GPS, conseguindo certa aceptación as solucións baseadas en balizas Bluetooth de baixo consumo (BLE beacons) que nos vindeiros meses poderían disparar a súa implantación grazas a Google, que está a promover agora Eddystone, un formato aberto para a xestión deste tipo de solucións e que desenvolveron en colaboración con varios socios que traballan nesa industria para facilitar a creación de solucións para o mundo real, ser multi-plataforma e contar coa debida seguridade.
Eddystone sería unha especie de linguaxe robusta e extensible, que podería aplicarse a Android, iOS ou calquera outra plataforma que soporte balizas Bluetooth de baixo consumo, e que está dispoñible en GitHub baixo a licenza de código aberto Apache v2.0 para que calquera poida facer uso desta tecnoloxía e incluso axudar a mellorala.
Aínda que o uso máis popular das balizas é para sinalizar lugares públicos e así facilitar a exploración dun museo ou a localización dunha tenda nun centro comercial, tamén é posible facer uso de identificadores efémeros (EID) que cambian de frecuencia e permiten que só clientes autorizados poidan decodificalos, o que permitiría que puidésemos, por exemplo, inclúe unha destas balizas na nosa equipaxe ou nas nosas chaves, para poder localizar estes elementos prezados en caso de perda (de aí que sexa necesario tamén coidar a privacidade e seguridade desta tecnoloxía).
Para facilitar o aproveitamento de Eddystone, dende Google desenvolveron Nearby API para Android e iOS (que fai doado atopar e comunicar con dispositivos e balizas próximas) e a Proximity Beacon API (que permite balizas a unha localización semántica e información relacionada) ferramentas que están dispoñibles para os desenvolvedores, e que farán máis doada a rápida adopción desta tecnoloxía.
Esta tecnoloxía tamén poderá medrar rapidamente, xa que as balizas Bluetooth actuais poden soportala cunha simple actualización do seu firmware, e xa hai un grupo de fabricantes que están a colaborar con Google para a incorporación deste estándar aberto nos seus produtos.
Para facilitar a administración de balizas Bluetooth Eddystone tamén conta con funcións de telemetría, o que permitirá a monitorización das balizas para detectar desprazamentos ou o seu estado de batería, que son elementos de grande interese para garantir o bo funcionamento de solucións de baixo custo.


Vídeo no que falan sobre o desenvolvemento para balizas Bluetooth

PUBLICIDADE