Google promove un concurso de exploración luar

venres, 14 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Google e a Fundación X Prize anunciaron un concurso no que premiarán á primeira iniciativa privada que chegue á lúa con premios de ata 30 millóns de dólares.
O Google Lunar X Prize esixe que un robot chegue á lúa e realice unha serie de misións (consistentes na realización de mooncasts, ou sexa gravacións de vídeo e toma de fotografías na superficie luar).
Agardan que a enorme contía dos premios dea un importante pulo á industria aeroespacial privada de todo o mundo, como xa o fixeron outras competicións anteriores organizadas por X Prize, aínda que esta última será a que achegue os premios máis importantes.


Vídeo explicativo do concurso

Peter H. Diamandis, presidente e director da Fundación X Prize declarou durante a presentación deste novo concurso que están «seguros de que equipos de todo o mundo nos permitirán desenvolver novas tecnoloxías de robótica e presenza virtual que reducirán notablemente o custo das exploracións espaciais» e destaca que grazas á colaboración de Google poderán «levar esta carreira espacial ata tódolos fogares e aulas» esperando «poder acender a faísca da imaxinación en nenos de todo o mundo».

PUBLICIDADE