Google presenta unha iniciativa para acelerar a carga de páxinas web no móbil

mércores, 7 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Google anunciou hoxe un novo proxecto emprendido en colaboración con numerosos medios de comunicación de todo o mundo para intentar mellorar a actual situación do consumo de información no móbil, que consiste nunha iniciativa de código aberto chamada Accelerated Mobile Pages (que, de feito, xa está publicada en GitHub), e que busca mellorar significativamente o rendemento das páxinas web móbil, conseguindo que páxinas con grande cantidade de contido como vídeos, animacións, gráficos, anuncios... poidan cargar instantaneamente e cun código que funcione en múltiples plataformas e dispositivos.
Neste momento non só hai máis de 30 editores de todo o mundo colaborando coa iniciativa, senón que tamén están a participar socios tecnolóxicos como Twitter, Pinterest, WordPress e LinkedIn, de xeito que esperan que nos vindeiros meses poida avanzar este proxecto que consiga unhas páxinas web móbiles mellores, que poidan levar a información dun xeito áxil a ferramentas de mensaxería, lectores de novas e plataformas sociais.
Para facer que funcione esta tecnoloxía nun navegador web moderno pártese dunha versión limitada de HTML que prioriza a velocidade sen impor patróns de deseño e compleméntase cunha solución de caché na nube, de xeito que algúns contidos poderán gardarse na Rede, para axilizar a súa carga, ofrecendo Google tal espazo de caché sen custo (non sendo preciso o seu uso, e podendo empregarse cachés de terceiros).
Espérase que esta tecnoloxía poida implantarse a grande velocidade grazas á participación de axentes como WordPress, que xa está a traballar na integración do framework de AMP na súa páxina web, de xeito que os seus blogs poderán aproveitar a tecnoloxía de AMP dentro de poucos meses.
AMP non só pretende achegar os mecanismos para publicar contidos ricos, dos que poder facer un seguimento, senón que tamén poderá axilizar a súa distribución e incluirá numerosos formatos publicitarios centrados en non prexudicar a experiencia móbil do usuario. Tamén integrará funcionalidades propias dos editores como son os modelos de subscrición e os muros de pagamento, denotando así que este framework está a desenvolverse en colaboración coa industria dos contidos.

PUBLICIDADE