Google presenta unha empresa especializada en mellorar as cidades coa tecnoloxía

xoves, 11 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Google continúa a preparar proxectos para deseñar solucións para o noso futuro, de aí que anuncien a creación de Sidewalk Labs, unha compañía de innovación urbana que nace en New York contando coa dirección de Dan Doctoroff (antigo director xeral de Bloomberg LP). Sidewalk Labs desenvolverá tecnoloxía na intersección entre os mundos físico e dixital, enfocándose en mellora a vida urbana para cidadáns, empresas e administracións públicas.
Esta compañía especializaríase nos grandes cambios que están a experimentar as cidades, en boa medida grazas á incorporación de numerosas tecnoloxías de comunicación e a chamada Internet das Cousas, que facilitarán a administración dinámica de recursos, facilitando a solución de problemas en tempo real, o que a todas luces parece unha aproximación dende o outro lado do Atlántico aos numerosos proxectos que en Europa coñecemos como Smart Cities.
Dende Sidewalk Labs son conscientes que as tecnoloxías actuais están a achegar información sobre o estado do tráfico ou sobre os prezos da vivenda, polo que poden contribuír a un transporte máis eficiente e un menor custo da vida, pero esta filosofía pode levarse a moitos outros ámbitos, de aí que esta nova iniciativa vai centrarse en desenvolver novos produtos, plataformas e alianzas que permitan o progreso nos contornos urbanos de todo o mundo.

PUBLICIDADE