Google prepara un servizo de subscrición a aplicacións de pagamento

xoves, 1 de agosto do 2019 Marcus Fernández

En marzo presentouse Apple Arcade, un servizo de subscrición de videoxogos para dispositivos de Apple (dende dispositivos móbiles até os Apple TV, pasando por ordenadores persoais) e aínda que os detalles deste servizo non se coñecerán até setembro, dende Google xa están a preparar a resposta, e recoñeceron estar a probar un servizo chamado Play Pass, que por 4,99 dólares/mes (prezo suxeito a cambios) ofrecería o acceso a unha selección de aplicacións de pagamento que irían dende monitores de actividade até quebracabezas, que ofreceríanse sen publicidade e sen compras dentro da aplicación, ou sexa, que as aplicacións estarían completas dentro do prezo da subscrición.
No caso de Android será curioso comprobar se realmente hai mercado para un servizo de subscrición de aplicacións, xa que tradicionalmente os usuarios de Android están menos afeitos a pagar polas aplicacións móbiles, e en tal plataforma o que imperan son as aplicacións de balde con compras integradas ou publicidade.

PUBLICIDADE