Google prepara o peche definitivo de Orkut

luns, 30 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Google leva moitos anos tentando á sorte no mundo das redes sociais, con pouca fortuna, e a súa primeira iniciativa neste eido, Orkut, está a piques de dicir adeus tras 10 anos en funcionamento. Esta iniciativa naceu do traballo de desenvolvedores de Google que crearon unha tecnoloxía para enlazar persoas baseándose nas súas conexións sociais, e aínda que non conseguiu relevancia global, foi todo un fenómeno na India e Brasil, de xeito que en 2008 mudou as súas operacións á cidade de Belo Horizonte (Brasil), pero ante o estancamento desta plataforma hoxe decidiron anunciar que durante xullo xa non permitirían novas altas no servizo que pechará definitivamente o 30 de setembro.
Actualmente Google ten outros proxectos sociais, como Google+, ao que instan aos usuarios a mudar (de feito, os álbums fotográficos de Orkut poderán exportarse directamente a Google+ até o 30 de setembro), á vez que tamén facilitan que os usuarios actuais poidan facer uso de Google Takeout até setembro de 2016 para poder rescatar toda a súa información publicada a través de Orkut (como as anotacións e as fotografías).
O peche de servizos pouco produtivos é algo ao que Google está a realizar con moita frecuencia nos últimos anos, xa que non consideran axeitado manter servizos cun reducido nivel de uso, facilitando que a súa forza de traballo se centre alí onde teñen realmente éxito, de aí que sexa normal que fagan limpa un par de veces ao ano, aínda que nesta ocasión programaron o pechamento de Orkut de xeito independente, posiblemente pola magnitude deste servizo (que aínda que conte con poucos usuarios activos, ten un importante volume de datos persoais nos seus servidores).

PUBLICIDADE