Google podería ter cesado o desenvolvemento do seu coche autónomo

martes, 13 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Durante varios anos rumoreouse que Apple tiña un grande proxecto de desenvolvemento dun coche autónomo de seu, pero nos últimos meses deuse conta de como o persoal involucrado ía cesando a súa relación con Apple e concluíuse que a compañía da mazá entendeu que a fabricación de vehículos non lles compensaba e, ao parecer, centraría os seus esforzos no software que poderán integrar os coches no futuro, polo que agora resulta bastante rechamante escoitar voces que apuntan a que Google vai seguir o mesmo camiño.
O Google Self-Driving Car Project é unha iniciativa moi visible, de aí que sorprenda que dende The Information aseguren que Alphabet decidiu pisar o freo do seu proxecto e reorientalo, de xeito que en vez de traballar de vehículos propios, estarían a pechar acordos con fabricantes para comezar a integrar as súas innovacións en vehículos con condutor, de xeito que as ambicións orixinais tomarían un cariz máis realista.
Ao parecer, os coches sen volante aínda non resultan prácticos, polo que o esforzo no seu desenvolvemento non pagaría a pena, e ser pioneiro antes de tempo non resultaría convinte, polo que espérase que en breve Google anuncie como o proxecto de automóbiles de Google abandone a división Google X e pase a ser unha compañía ordinaria baixo o paraugas de Alphabet, con obxectivos realistas e produtos como unha minicaravana que podería producir Fiat Chrysler e, de trunfar nas probas, podería chegar a empregarse comercialmente.
ACTUALIZACIÓN: Os rumores sobre os coches autónomos de Google veñen de ser confirmados, xa que finalmente anunciouse o abandono do proxecto de Google X para converterse nunha compañía de seu, Waymo. Polo momento dende Waymo non falan de fabricación de vehículos (de feito, o director xeral da nova compañía, John Krafcik, insiste en non ter interese na produción de coches autónomos), senón de tecnoloxía de condución autónoma e as súas posibles aplicacións a numerosos ámbitos como as viaxes compartidas, o transporte, a loxística ou os vehículos persoais.

PUBLICIDADE