Google merca reCAPTCHA para mellorar a súa tecnoloxía de OCR

xoves, 17 de setembro do 2009 Marcus Fernández

reCAPTCHA serve para distinguir a humanos de bots

Como acontece no correo electrónico, a publicidade non solicitada tamén ataca aos blogs e páxinas web, de aí que moitos espazos optasen por colocar nos seus formularios unha casiña na que preguntan por un texto de difícil lectura como sistema de verificación do feito de que é unha persoa a que está ao outro lado da pantalla (e non un robot), coñecéndose este método coma CAPTCHA (acrónimo inglés de «proba pública de Turing completamente automatizada para separar a ordenadores de humanos»).
Pensando na utilización deste mecanismo, desenvolveron a ferramenta reCAPTCHA, que actualmente protexe a máis de 100.000 páxinas web do spam e a fraude, e a empresa responsable desta tecnoloxía vén de ser adquirida por Google, de xeito que aproveitarán o traballo desta compañía para mellorar o sistema de recoñecemento óptico de carácteres (OCR) que Google emprega para converter a texto documentos para Google Books e Google News Archive Search.

PUBLICIDADE