Google mellora o uso do español no buscador e en Gboard

mércores, 13 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Google está a anunciar que o seu buscador e o seu teclado para dispositivos móbiles mellorou o seu funcionamento en español grazas á colaboración coa Real Academia Española (RAE) a través do proxecto LEIA (Lengua Española e Inteligencia Artificial) posto en marcha hai 5 anos e que permite mellorar o uso do español no contorno tecnolóxico.
O teclado de Google para dispositivos móbiles, Gboard, mellorou considerablemente grazas á incorporación do repertorio léxico do dicionario da RAE e da ASALE, o que sumado a sistemas de aprendizaxe automática facilitou unha mellor substancial na corrección automática da acentuación e de signos de puntuación.
Esta mellora non só permite un mellor uso do español no móbil, senón que tamén mellora a velocidade de escritura, especialmente para palabras como García, Coruña ou ángulo (que serían lentas de teclear de xeito tradicional). Tamén se incorporaron ao teclado centos de milleiros de palabras novas (como ibuprofeno, SMS ou tempura), que agora terán unha mellor corrección e escritura.
O buscador de Google tamén integrou esta semana o dicionario da RAE, de xeito que se buscamos unha definición dunha palabra non teremos que visitar a páxina web da RAE, senón que aparecerá o resultado directamente no buscador, axilizando así as consultas.
Dende Google tamén apuntan que grazas ao proxecto LEIA tamén melloraron tecnoloxías como a redacción intelixente e as suxestións gramaticais en español en Google Docs.

PUBLICIDADE