Google mellora o seu sistema de busca interna para empresas e organizacións

mércores, 6 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Google, que nin sequera deixa de ser noticia mesmo cando non é noticia, segue a idear novos xeitos de mellorar as buscas en liña para usuarios e empresas e, ao mesmo tempo, novos métodos que melloren os seus ingresos. Nesta liña, desta volta notoriamente encamiñada ao eido corporativo, é onde se insire o seu lanzamento máis recente: unha versión avanzada das ferramentas que o xigante da informática comercializa entre empresas e institucións públicas para que estas poidan facer o mesmo nos seus discos duros e redes que viñan facendo até o de agora na Internet: buscas “ao estilo Google” (amais dun labor claro de almacenamento).
A edición remodelada do Google Search Appliance incorpora, entre outras cousas, un sistema de procuras para o manexo dos arquivos dixitais dunha compañía privada ou organismo que opera sobre unha cifra de 10 millóns de documentos.
A clave do asunto: o Google Search Appliance é software pero tamén hardware puro e duro, ou sexa, equipamento informático en si mesmo que, neste caso en concreto, vén coa feitura dunha caixa de pizza co miolo reconcentrado, a diferenza da versión previa, que ofrecía o mesmo tamaño e disposición para un número menor de documentos: tres millóns.
Os aparellos en cuestión inclúen programación propia de Google, procedente o hardware mesmo da man de Dell.
Amais da dita redución de tamaño, a nova versión tamén inclúe meirande capacidade cifrado e opcións para que Google Alerts nos teña ao tanto das operacións que se fagan na rede local no que a gardar ou recuperar documentos se refire. Asemade, se engaden linguas ao sistema até completar unha cifra de 27 (entre as que se inclúe agora o portugués ou o turco). Isto no que respecta aos sistemas para os administradores de rede, pudendo as caixas (a maiores) facer operacións de procura en 40 idiomas.

PUBLICIDADE