Google lanza un servizo de xeolocalización sen GPS para empresas

martes, 26 de xuño do 2012 Raquel Noya

O xigante americano das procuras por Internet, Google, vén de lanzar un pioneiro servizo de xeolocalización específico para empresas, que lle permitirá ás mesmas xestionar os seus equipos en mobilidade, sen necesidade de usar navegadores GPS.
A solución chámase Google Maps Coordinate e combina o potencial das tecnoloxías cartográficas da firma cos smartphones de última xeración, para axudarlle ás organizacións usuarias a asignar traballos en mobilidade e despregar ao persoal do xeito máis eficiente.
A ferramenta foi deseñada para mellorar a comunicación entre as empresas e os empregados que traballan fora da oficina, de maneira que estes últimos poden compartir a súa situación xeográfica en tempo real a través do móbil, e mesmo gravar datos de interese na mesma aplicación.
O servizo, que integra as funcionalidades do Google Maps e do Google Earth, xa está dispoñible para calquera compañía interesada en xeolocalizar e xestionar na distancia aos seus traballadores, por un prezo de 15 dólares ao mes por usuario, é dicir, uns 12 euros ao cambio (prezo ata o 1 de setembro).
Ao rexistrarse, as compañías obteñen acceso a un panel de control na web e ás aplicacións móbiles de Google Coordinate, de maneira que os usuarios e usuarias poden recibir notificacións instantáneas e consultar a posición dos seus compañeiros en tempo real, o que facilita enormemente a colaboración entre eles.
Así, mentres os traballadores que realizan rutas reciben información de utilidade para o seu traballo de campo directamente no móbil, dentro das oficinas, a aplicación permítelle ao persoal responsable xestionar a eses traballadores, crear equipos, administrar traballos e mesmo obter datos clave para tomar decisións acertadas a tempo, entre outras cousas.
O servizo, que ofrece directamente Google, lánzase en tódolos países do mundo, a excepción dalgúns como China, Cuba ou Corea do Sur.


Vídeo de presentación de Google Maps Coordinate

PUBLICIDADE