Google incorpora a verificación de chamadas á súa aplicación de marcación telefónica

martes, 8 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Google anuncia hoxe que a súa aplicación de Teléfono para Android pasa a estar dispoñible para máis dispositivos (lembremos que moitos fabricantes integran unha aplicación de marcación telefónica de seu), como unha medida para conseguir chamadas telefónicas máis seguras, xa que a aplicación conta con prestacións como o servizo de Chamadas Verificadas, un complemento para a identificación de chamadas que cando recibimos unha chamada dunha empresa podemos ver en pantalla o seu nome, o seu logotipo, o motivo da súa chamada e un símbolo de verificación indicando que o negocio foi verificado por Google.
Dende a compañía de Mountain View levan un tempo probando esta funcionalidade, e aseguran que incrementa o número de veces que os usuarios atenden chamadas de empresas, ao incrementar a súa confianza ao saber quen os chama aínda que non teñan o seu número na axenda do móbil. Este xeito de identificar a empresas fai que o usuario non rexeite automaticamente unha chamada dunha orixe descoñecida, especialmente se pode ser de compañías coas que traballa, como un aviso da entidade bancaria, ou unha compañía de envío de comida a domicilio ou de envío de paquetes para dar conta dalgunha incidencia.
As chamadas verificadas de Google botan a andar precisamente en EE.UU., México, Brasil, India e España, chegando máis adiante a máis territorios.

PUBLICIDADE