Google estrea unha plataforma para a administración de contidos de pagamento

mércores, 16 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Eric Schmidt anunciou hoxe na Universidade Humboldt de Berlín o servizo Google One Pass, que proponse como un sistema de pagamento para que os editores en liña poidan cobrar aos seus clientes por acceder a artigos e outro tipo de contidos. O sistema ofrece unha función de compra única e visualización do contido en calquera lugar e dende calquera dispositivo.
Google One Pass ofrece un sistema de administración, procesamento de pagamentos e autentificación de usuarios que permite que os editores centren os seus esforzos na creación de contidos de alta calidade para os seus lectores, podendo os editores seleccionar entre os modelos de pagamento (fixando prezos por artigo/paquete de artigos ou para subscricións diarias ou mensuais), podendo tamén controlar o tipo de contido do sitio (para definir o material que será de pagamento ou de balde). A súa implementación e administración é doada e fai uso de Google Checkout polo que o usuario non ten que integrar un sistema de pagamento externo no seu sitio.
Esta nova plataforma tamén poderá integrarse en aplicacións, de xeito que o pagamento polos contidos poderá realizarse en tablets e dispositivos móbiles. Inicialmente está dispoñible para editores de EE.UU., Reino Unido, Canadá, Francia, Alemaña, Italia e España, contando xa con varias compañías interesadas nas súa integración, que no caso español parece limitarse a Prisa.


Vídeo de presentación do Google One Pass

PUBLICIDADE