Google estrea unha aplicación que converte os móbiles Android en planetarios

mércores, 13 de maio do 2009 Marcus Fernández

A entrada de Google nos móbiles pola vía do software co sistema operativo Android comeza a facerse notar, e a compañía empeza a lanzar produtos para esta plataforma coma Google Sky Map, unha aplicación que converte os móbiles con Android en fiestras dinámicas ao ceo nocturno, o que permite axudar á identificación das estrelas que vemos no firmamento.
Esta ferramenta sería moi semellante á dos localizadores GPS, pero en vez de aproveitar as funcionalidades de localización dos móbiles para amosar mapas terrestres, constrúe un mapa de estreas e constelacións que están sobre as nosas cabezas, combinando datos como a hora, a posición xeográfica (GPS) e a posición física (esta última a través do magnetómetro e acelerómetro que inclúen moitos terminais) de xeito que amosaría en pantalla as estreas ás que esteamos enfocando, o que pode quedarnos máis claro se vemos o vídeo explicativo desta curiosa ferramenta móbil:


O Google Sky Map para Android aínda conta cunha pequena base de datos coa que traballar, pero é máis que suficiente para identificar os corpos celestes visibles dende a Terra, polo que non é de agardar que precise actualizacións. A aplicación xa pode descargarse de balde da tenda de aplicacións de Android.

PUBLICIDADE