Google estrea unha aplicación para dixitalizar as nosas vellas fotografías

mércores, 16 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Google quere axudar á recuperación de fotos antigas, que normalmente temos gardadas nun caixón, lonxe da nosa vista, e para darlles unha nova vida dixital presenta a aplicación Google PhotoScan, dispoñible de balde para Android e para iOS, e que busca axilizar a captura das nosas vellas fotografías en papel sen ter que empregar un grande e lento scanner de sobremesa, de xeito que só coa cámara dun smartphone podemos fotografar as instantáneas en varias tomas de xeito que o software de Google consegue crear unha imaxe final de calidade, sen molestos reflexos e coas marxes ven axustadas, para que logo poida conservarse de balde no espazo ilimitado de Google Fotos, onde poden localizarse mediante etiquetas.
Para dar a coñecer esta nova aplicación dende Google organizan unha acción en redes sociais que consiste en que cando un usuario comparta unha vella fotografía na que aparece unha persoa querida ou un obxecto do que se garda un bo recordo co cancelo #GooglePhotoScan poderá ser personalizada polos artistas Mauro Entrialgo e P8ladas, que o vindeiro xoves estarán nas oficinas de Google en España debuxando divertidos motivos de superheroes coas fotografías que consideren máis inspiradoras, que compartirán na Rede só até as 22:00 horas do xoves (permitindo así que as persoas que remitiron a imaxe poidan quedar cunha copia da obra derivada, pero garantindo que Google non dará ningún outro uso das fotografías que a propia campaña).

Vídeo de presentación de PhotoScan

PUBLICIDADE