Google+ estrea páxinas para negocios e marcas

luns, 7 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O F. C. Barcelona é unha das primeiras entidades españolas en estrear páxina en Google+

Google+, a plataforma social de Google, facilita a relación entre persoas de todo o mundo, pero deixaba de lado ás empresas e entidades de distinta índole, o que vai camiño de mudar grazas á estrea de Google+ Pages, de xeito que agora dende un restaurante ata un club deportivo poderán ter presenza nas Páxinas de Google+, o que permitirá a relación con persoas con intereses comúns e mesmo realizar videoconferencias con establecementos comerciais, á vez que os negocios teñen unha nova canle para achegarse aos seus clientes.
Neste momento xa hai empresas, institucións e organizacións españolas que se suman ás Páxinas de Google+, como o Fútbol Club Barcelona e o Museo Nacional do Prado, e os interesados en sumarse a tal iniciativa poden recorrer a darse de alta a través da sección de creación de páxinas en Google+, que está a espallarse entre os usuarios de Google+ de todo o mundo (polo que moitos deberán agardar a que tal opción estea dispoñible para eles).
Como principais diferenzas entre perfís persoais e páxinas en Google+ estarían que as páxinas non poden engadir a persoas aos seus círculos (agás que fosen engadidas ou mencionadas primeiro), as páxinas son públicas de xeito predeterminado, as páxinas non poden marcar +1 noutras páxinas ou contidos doutras páxinas web, a páxinas non poden gozar de xogos vía web, compartir contidos a círculos ampliados, recibir notificacións por e-mail, nin participar en quedadas dende móbiles, e no caso de páxinas locais, contarán con campos específicos para a súa localización xeográfica (para a súa localización por parte dos usuarios).


Presentación en vídeo das Páxinas en Google+

Outra funcionalidade que están a estrear dende Google é a chamada conexión directa, que permite atopar páxinas de Google+ engadindo un signo de + antes do nome da marca que desexemos localizar, para poder incorporala aos nosos círculos en Google+.
Polo momento a conexión directa só está activada para algunhas páxinas como +Google, +Pepsi e +Toyota, pero irán incorporándose novas páxinas en breve.


A conexión directa vista en vídeo

PUBLICIDADE