Google está a penalizar nas buscas ás páxinas de BitTorrent máis denunciadas

venres, 24 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Gráfico no que podemos ver a caída de tráfico que provocou nas páxinas de BitTorrent por mor do cambio de algoritmo de Google

Nos últimos anos podía resultar realmente escandaloso comprobar que cando buscabamos algunha película ou disco de música en Google os primeiros resultados, en vez de corresponder ás súas páxinas oficiais ou a tendas nas que adquirir os produtos, eran de páxinas web que facilitaban a súa descarga de balde, o que claramente molestaba á súas respectivas industrias, que protestou en numerosas ocasións ante Google, e o buscador parece que por fin tomou medidas efectivas, e xa dan conta que tras un recente cambio de algoritmo as páxinas web centradas na rede BitTorrent están a rexistrar unha importante caída de tráfico.
Dende TorrentFreak contactaron con varios responsables de páxinas web deste tipo, confirmando isto e, por exemplo, o responsable de isohunt.to asegurou que “a primeiros desta semana todo o tráfico de buscas caeu á metade”, o que supón unha importante caída global das visitas que reciben estes espazos en liña.
Ao parecer, a caída de peso en Google afecta principalmente ás páxinas web que teñen un número elevado de reclamacións por copyright, o que está a reducir a visibilidade das páxinas de descargas máis populares, aínda que claramente non afectaría a xigantes como The Pirate Bay (que teñen un tráfico procedente de Google moi cativo, xa que os seus usuarios acceden directamente ao servizo sen pasar polo buscador).
Isto non quere dicir que Google estea a censurar os contidos P2P (pois continúan a estar accesibles e localizables) senón que simplemente resta peso ás páxinas web que máis infrinxen os dereitos de autor.

PUBLICIDADE