Google dixitalizará 300 mil libros de cinco bibliotecas catalás

xoves, 11 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Google quere caer ben en Catalunya? Posiblemente, mais de seguro que non é mal xeito de comezar poñendo a disposición dos seus habitantes e dos do mundo enteiro 300 mil libros das súas bibliotecas a través de Google Books.
Trátase de obras case todas escritas en catalán (aínda que hai volumes en castelán, francés, latín, inglés ou alemán) que non están protexidas por dereitos de autor e que proceden de cinco grandes espazos de lectura e consulta. Este labor de dixitalización en concreto comezou no intre en que Google asinou un convenio de colaboración coas devanditas cinco bibliotecas catalás, a través do que se unen a unha iniciativa integrada por institucións de toda Europa e Estados Unidos.
No acordo tomaron parte a Biblioteca de Catalunya (voceira do grupo), a do Monasterio de Montserrat, a do Seminario de Barcelona, a do Ateneu Barcelonés e a do Centro Excursionista de Catalunya.
Entre as obras que se van pendurar na Rede hai libros de Cervantes, Jacint Verdaguer ou Ramon Llul. Google achegará a parte económica e tecnolóxica do proxecto. Cómpre sinalar que estas cinco institucións non son as primeiras que se vinculan á iniciativa dende o estado español, xa que nela xa participa a da Universidade Complutense de Madrid (a primeira en facelo).

PUBLICIDADE