Google conmemora o nacemento de Les Paul cunha guitarra virtual na súa portada

xoves, 9 de xuño do 2011 Raquel Noya

A interface que achega hoxe a portada de Google, o debuxo dunha guitarra con cordas que, sorprendentemente, soan ao pasar o rato por enriba delas, débese á celebración do 96º aniversario do nacemento de Les Paul (Lester William Polsfuss), un dos máis relevantes desenvolvedores da guitarra eléctrica (que coñecen ben os especialistas da saga de videoxogos interactivos, Guitar Hero, xa que o controlador máis popular para estes xogos está inspirado na guitarra Gibson Les Paul).
Segundo explican no seu blog os responsables de comunicación da compañía, nas vindeiras 24 horas, ou as que resten para rematar o día de hoxe, na páxina principal de Google manterase ese logotipo interactivo, inspirado na guitarra que se fixo para o Rock and Roll Hall of Fame inductee, a que “fixo posible que nacera o rock and roll”.
O debuxo foi feito cunha combinación de JavaScript, HTML 5 Canvas (usado nas aplicacións modernas para debuxar as cordas da guitarra), CSS, Flash (para audio) e ferramentas como a Google Flont API, goo.gl e App Engine.
O xogo causa gracia e mesmo entretén un bo anaco aos usuarios, porén non convén deixalo en mans de persoas que se aburran demasiado, pois as consecuencias para os nosos ouvidos e a nosa integridade mental dependerá da decisión que tome o individuo para parar ou seguir coa tortura ata que Google retire o logo.

PUBLICIDADE