Google combina os seus servizos en liña de procesado de texto e folla de cálculo

mércores, 11 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Google parece querer facerlle fronte ó Microsoft Office, e como primeiro paso vén de integrar o procesador de textos en liña Writely (adquirido por Google no mes de marzo) e o seu sistema de folla de cálculo baixo o nome de Google Docs & Spreadsheets, de xeito que os usuarios que o desexen poderán empregar este tipo de aplicacións sen precisar da instalación de ningún programa no seu ordenador (nin do pago de licenzas polos mesmos).
Estas aplicacións en liña poden supor un certo risco para o Microsoft Office e o Microsoft Excel polo mero feito de que son de balde, aínda que a súa principal funcionalidade é que se poden empregar dende calquera lugar con acceso á Internet, de xeito que fai moi doada a colaboración e compartición de documentos.
Dende Google xa afirmaron en varias ocasións que non pensan comercializar un Google Office, pero o feito é que cada día lanzan novas aplicacións nesa dirección, pois xa contan con servizos de axenda e correo electrónico (que incluso de poden personalizar co propio dominio de Internet das empresas) polo que están a construír toda unha serie de ferramentas que poderían librar ós escritorios informáticos da instalación de aplicacións para tal fin.
Esta nova mestura de aplicacións aínda está pouco madura, pois parece que simplemente integraron Writely na sistema de Google, posto que funcións que parecerían evidentes como pegar as follas de cálculo creadas nos nosos documentos de texto aínda non están dispoñibles, pero vese xa o xermolo do que podería ser a aplicación ofimática do futuro.

PUBLICIDADE