Google celebra o 65º aniversario de Freddie Mercury

luns, 5 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Na animación que publica hoxe Google recréase de xeito animado a Freddie Mercury en concerto

O 5 de setembro de 1946 nacía en Zanzíbar (actual Tanzania) Farrokh Bulsara, quen con tempo sería coñecido polo nome artístico de Freddie Mercury, o vocalista da banda de rock Queen, quen faleceu en 1991 vítima da SIDA, o que levou a converterse en toda unha icona para a loita contra a enfermidade a través de iniciativas como Freddie for a Day. Para celebrar o que hoxe sería o 65 aniversario de Freddie Mercury, dende Google convidaron ao seu compañeiro en Queen, Brian May, a escribir unha entrada na súa memoria no blog oficial da compañía, e tamén a modificar o seu logotipo para ofrecer un vídeo musical animado do tema de Mercury Don’t Stop Me Now.

No vídeo musical do logotipo de Google podemos ver a Mercury coma se fose o personaxe dun videoxogo

O vídeo musical en homenaxe a Freddie Mercury amosa ao cantante atravesando distintos mundos (coma se fose o protagonista de distintos videoxogos ou lembrando videoclips da súa carreira) representando de distintos xeitos a letra da canción que entoa, que pode seguirse a través de subtítulos para acompañar ao artistas dende o outro lado da pantalla.
O logos de Google están a aproveitarse en numerosas ocasións para celebrar distintos aniversarios, habitualmente por petición popular, e tal é o seu éxito que os recollen na web para a súa consulta histórica e incluso algún día teñen que amosar diferentes ilustracións segmentadas xeograficamente para atender a celebracións nacionais. Tamén podemos lembrar que dende GalegoLab xurdiu un proxecto para que o Día das Letras Galegas de 2012 a nosa lingua acade tal consideración por parte do buscador web norteamericano.


Vídeo musical co tema Don’t Stop Me Now que publican hoxe a través do logotipo de Google

PUBLICIDADE