Google borrará as contas de usuario que leven máis de 2 anos inactivas

martes, 16 de maio do 2023 Marcus Fernández

Conscientes de que as contas de usuario abandonadas son moi vulnerables, podendo converterse en un problema de seguridade facilitando o spam, os calotes e o secuestro de contas, dende Google decidiron programar unha limpa de contas, que botará a andar o vindeiro mes de decembro, e que consistirá na eliminación de contas de usuario que leven un mínimo de 2 anos inactivas.
Dende Google aseguran que de detectar que unha conta de usuario non tivo ningún uso en 2 anos procederán ao borrado da conta e os seus contidos (correos electrónicos, documentos, calendarios, fotografías...), aínda que matizan que esta acción só terá lugar a contas persoais, ou sexa, que as contas de organizacións (como empresas ou centros educativos) non se verán afectadas por esta nova política.
Cómpre salientar que Google non realizará o borrado de contas de vez, senón que comezará por contas que foron creadas e no chegar a usarse nunca máis, e antes de realizar o borrado efectivo enviará varias notificacións ás contas afectadas (e tamén ao seu enderezo de correo electrónico de recuperación de estar dispoñible).

ACTUALIZACIÓN: Aínda que inicialmente anunciaran que o borrado de contas suporía tamén a eliminación de vídeos de YouTube, finalmente dende Google recapacitaron e non borrarán as contas que teñan vídeos subidos á súa plataforma multimedia para evitar o impacto negativo de tal borrado masivo.

PUBLICIDADE