Google axuda a elixir móbil con Android

xoves, 30 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Dende o enderezo web google.com/phone podía atoparse información sobre o Nexus One e mesmo mercalo no caso de estarmos en EE.UU., pero tras pecharse tal canle de venda dende Google decidiron facer algo útil co espazo e convertérono na Google Phone Gallery, un catálogo de móbiles con Android respaldados por Google que podemos consultar por operadora, marca e país para establecer comparativas entre os mesmos, o que podería axudar na nosa elección de terminal.
Esta nova web permite comparar móbiles de tres en tres, e promete incorporar paulatinamente os móbiles que vaian chegando ao mercado, aínda que hai que ter en conta que non estamos ante unha listaxe exhaustiva de móbiles con Android, pois moitos destes terminais non contan co apoio directo de Google. Tamén hai que advertir que a información sobre o país e a operadora dos móbiles non é todo o completa que debera, de xeito que non se recomenda facer unha discriminación xeográfica nas buscas, pois dese xeito non figurarán moitos terminais (por exemplo, só aparecen 2 móbiles HTC en España, cando na práctica véndense uns 7 dos que figuran na Google Phone Gallery).

PUBLICIDADE