Google axiliza as buscas na web amosando resultados instantáneos

xoves, 9 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Nas últimas horas o buscador web de Google incorporou unha nova funcionalidade dispoñible dende os navegadores web máis modernos e que dan en chamar Google Instant en referencia a que realiza o que consideran que son buscas instantáneas, no que vén a ser a eliminación da necesidade de premer o botón de busca para amosar resultados sobre as consultas que tecleamos, apoiándose incluso nos motor preditivo que incorpora a barra de busca, percibindo o usuario que Google adiántase ás súas necesidades axilizando as buscas no caso de gozar dunha acceso á Internet de banda larga.
Os xermolo de Google Instant baséase en 3 piares: os resultados dinámicos (segundo o usuario teclea van amosándose resultados relativos ao que queremos atopar), as predicións (o sistema adiántase ao que quere teclear o usuario baseándose en consultas previas doutros usuarios) e o desprazamento (ao moverse entre as distintas suxestións de busca aparecerán instantaneamente os resultados relativos ás mesmas).
Para facer funcionar este potente sistema o buscador aproveita as posibilidades dos navegadores web actuais, que permiten almacenar contidos temporais antes de que o usuario os solicite, de xeito que cando completamos a nosa consulta, o sistema procurou cargala antes, dando a impresión de que o resultado acadouse ao instante, o que aseguran que suporá un aforro de tempo para o usuario, aínda que iso é moi discutible, pois durante o tecleo de consultas achégase un volume de información que moitos poden considerar excesivo, o que distrae a atención, de xeito que a suposta mellora de tempo máquina podería non ser tan positiva cando analizamos esta innovación dende o punto de vista humano.

Google adiántase ao usuario predicindo as súas buscas e amosando os resultados sen ter que premer o botón de Buscar

Dende Google desenvolveron esta nova solución para mellorar a velocidade das buscas por entender que a velocidade de lectura dos usuarios é moi superior á súa velocidade de escritura a través do teclado do ordenador, de xeito que resulta doado ver resultados ao mesmo tempo que se escribe unha consulta ao buscador, o que consideran que pode aforrar entre 2 e 5 segundos por busca, o que suporía un aforro global dunhas 11 horas por cada segundo grazas á integración de 15 novas tecnoloxías.
Pese a que o nome desta nova funcionalidade de Google pareza centrada na velocidade, en realidade o que incrementa é o volume de resultados amosados, o que podería mudar o xeito no que atopamos contidos na Internet e converte as buscas nun fluxo de resultados en tempo real que flúe na pantalla de xeito dinámico, o que podería levar a moitas compañías a mudar a súa estratexia de posicionamento para buscadores.
De todos os xeitos, moitos usuarios non están satisfeitos co funcionamento de Google Instant, o que non debería ser un problema, pois este sistema de busca pode desactivarse accedendo as preferencias de Google, aínda que dende a compañía de Mountain View xa teñen en conta os usuarios que acceden dende conexións lentas e desactivaranlles Google Instant de xeito automático para evitar que teñan problemas de funcionamento co seu equipo (aínda que aseguran que a carga que supón esta tecnoloxía é moi reducida, pois transmite texto).
Actualmente están a traballar en levar Google Instant a dispositivos móbiles, e coméntase a posibilidade de que poidamos ver o seu desembarco en dispositivos co sistema operativo Android antes de rematar o ano.
Tamén compre advertir que para poder acceder a Google Instant dende España é preciso que teñamos configurado o noso acceso ao buscador en inglés ou en español, posto que en galego aínda non está dispoñible esta nova funcionalidade e, de feito, tampouco está presente na fóra de EE.UU., Francia, Alemaña, Italia, Rusia, España e Reino Unido, aínda que procurarán espallalo xeograficamente nas vindeiras semanas.


Explicación do funcionamento de Google Instant

PUBLICIDADE