Google achéganos o solitario e o tres en raia

xoves, 25 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Dende Google parecen dispostos a rematar coa nosa produtividade laboral, e tras incorporar minixogos na súa aplicación móbil co gallo dos Xogos Olímpicos agora incorporan algúns dos xogos máis vellos e coñecidos de todos os tempos, tanto á súa aplicación móbil como á súa versión web. Falamos concretamente do solitario e do tres en raia.
Para poder botar unha partida ao solitario temos que buscar a palabra solitaire no buscador en inglés, mentres que para o tres en raia chegará con que busquemos polo seu nome en inglés “tic tac toe” ou incluso buscando por “tres en raia”, de xeito que contaremos cun mini-xogo integrado na web do buscador.
O solitario é un dos xogos para ordenador máis utilizados de todos os tempos grazas a que viña incluído en Windows, e agora recupérase grazas a Google, que ten unha versión que como principal opción ten elixir o modo de dificultade, que define simplemente se sacamos os naipes do mazo de 1 en 1 (doado) ou de 3 en 3 (difícil).
O tres en raia si conta con máis variantes, permitindo definir niveis de dificultade ou incluso a posibilidade de xogar por quendas contra outro xogador en local.

PUBLICIDADE