Google achega un curso de balde para que medre a casa de desenvolvedores Android

xoves, 17 de xullo do 2014 Redacción

Que Google quere ter a canta máis xente mellor desenvolvendo aplicacións para o seu sistema operativo (Android) era cousa sabida. O que non deixa de ser unha sorpresa é que para acadar a máxima cifra de participación se dispoña a pór en marcha medidas de formación de creadores de ferramentas móbiles para Android. En termos máis concretos e respondendo a este obxectivo de facer colectividade, Google vén de asociarse con Udacity para dar forma a un curso para novos desenvolvedores de ferramentas para a súa plataforma. A idea, unha vez máis, é facerlle a contrapartida a Apple, que segue a ser cos seus sistemas iOS o principal reclamo dos creadores de aplicacións.
O curso en cuestión, amosado baixo o epígrafe Desenvolvemento de aplicacións Android: Fundamentos de Android, non é en si mesmo un conxunto de pasos a seguir para iniciarnos no camiño da programación para o dito sistema. Máis que unha folla de ruta, é un manual para desenvolvedores que xa coñecen a dirección a seguir, profesionais xa introducidos e de nivel avanzado. O curso achega unha versión estándar de base e logo unha versión de pago para aqueles estudantes que queiran ter un asesoramento máis personalizado por parte dos profesores de Udacity.

PUBLICIDADE