Google, a prol dun mercado da música máis libre

luns, 19 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

David Eun, vicepresidente de Relacións na Sección de Contidos

O debate sobre a comenencia ou non de poñerlle fin aos vellos modelos de distribución discográfica foi até hai ben pouco un debate desigual. Dunha banda estaban as grandes empresas do sector coas súas sociedades de xestión de dereitos e unha boa cantidade de institucións e entidades velando polos seus intereses, e da outra unha parte importante dos seareiros e das empresas de menor entidade. Con todo, os tempos están a mudar esta situación e as posibilidades que ten arestora a industria tradicional de seguir mantendo en alto o símbolo da súa filosofía de mercado, un CD a 20 euros protexido de copia, xa non semellan tantas nin tan firmes. De feito, entre outras alianzas, aos que defenden a remodelación lles está a saír un aliado de peso, Google, que a través das declaracións vertidas no marco do MIDEN (Cannes) polo vicepresidente de Relacións na Sección de Contidos, David Eun, vén de asegurar que a súa compañía non quere xa oír falar da estrutura actual da industria da música. É máis: sitúase en contra dos modelos antigos de managers e aposta de xeito decidido por tirar proveito ao máximo das novas tecnoloxías e plataformas.
Segundo sinala EFE dende a devandita feira internacional sobre música, as opinións de Eun non só van encamiñadas a defender un novo xeito de distribuír estes produtos a través da Rede, senón tamén a abrir vieiros para mellores e máis completos eidos de comunicación entre cidadáns. E todo a través doutra forma de comunicación na que non reparamos como se merece: a música. A xuízo de Eun, compartir cancións pola Rede non só é popular, senón que tamén é moi interesante dende o punto de vista da relación entre as persoas e entre elas e as empresas.
Por certo que o directivo de Google tamén tivo palabras para achegar o seu punto de vista sobre o funcionamento dun dos sitios onde a xuízo da industria tradicional menos se respectan os dereitos das licenzas pechadas de autor: o servizo YouTube, propiedade de Google. Na súa opinión, non é certo que en YouTube se permita facer de todo, xa que (di) hai medidas que facilitan a identificación dunha infracción sobre a propiedade intelectual, pero (engade) tamén é certo que nunha boa parte dos casos se lles permite aos usuarios que penduren todo tipo de vídeos. A fin de contas, manifestou, “As persoas que soben as pezas non son especialistas no eido da propiedade intelectual… eles só aman a música!”.

PUBLICIDADE