Google Translate facilita a tradución de textos sen saír da aplicación actual

mércores, 11 de maio do 2016 Marcus Fernández

A tradución visual de Google funciona agora tamén en chinés

Google anunciou hoxe unha importante actualización no seu servizo de tradución para móbiles, que agora conta coa opción Tap to Translate en Android, que supón un importante atallo para a tradución que consiste en que, cando copiamos un texto nun idioma estranxeiro, contaremos cun acceso rápido á súa tradución sen ter que saír da aplicación principal, o que resulta moi práctico dende en conversas de WhatsApp até dende calquera outra aplicación na que atopemos textos nos 103 idiomas soportados por Google Translate para terminais que conten con Android 4.2 ou superior.
O tradutor tamén mellorou en iOS, de xeito que a súa funcionalidade fóra de liña equipárase á versión para Android, de xeito que precisa de menor cantidade de datos (os paquetes de idioma reducíronse un 90% até quedar en 25 MB). O modo de fóra de liña tamén é compatible con Tap to Translate.
E para completar as novidades, chega un cambio moi importante, como é a incorporación do chinés en Word Lens, o que permite traducir textos en chinés simplificado ou tradicional de xeito visual, con só enfocar a cámara do móbil ao texto impreso que queiramos traducir, que veremos en tempo real na pantalla e que, unha vez máis, tamén funcionará fóra de liña.

Presentación de Tap to Translate

PUBLICIDADE