Google Reader permite compartir entradas en webs sociais

xoves, 13 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Os cambios en Google Reader fan doado recomendar contidos a través de servizos coma Facebook ou Twitter

O lector de fluxos RSS de Google está a potenciar o seu uso social, de xeito que se facemos uso do mesmo en inglés (supomos que en breve chegará esta funcionalidade á versión en español) poderemos acudir á súa sección de configuración para activar as plataformas sociais que utilicemos (Blogger, Delicious, Digg, Facebook, MySpace, Reddit, StumbleUpon e Twitter) para que aparezan despregados cando premamos no botón de Enviar a dunha entrada que queiramos compartir. Amais, tamén é posible personalizar os servizos dispoñibles, resultando doada de engadir a posibilidade de remitir novas a Menéame.net ou ao Chuza.org.
Con esta nova funcionalidade poténciase a compartición dos contidos máis interesantes en distintas plataformas da web social, facilitando esta tarefa, de xeito que queda ao alcance dun clic de rato, axilizando o proceso (que inicialmente precisaría de cargar a páxina web orixinal á que accedemos dende Google Reader e copiar o seu URL para pode pegalo no formulario correspondente de Facebook, Twiiter ou o servizo que corresponda).
Aparte desta novidade, tamén está agora dispoñible (incluso en español) a posibilidade de marcar coma lidas entradas anteriores a un día, unha semana ou dúas semanas cunha única pulsación, o que resulta moi práctico para un usuario que non accede ao servizo a diario e, por exemplo, poder facer fronte á volta tras unha fin de semana sen ter que ler centos de entradas acumuladas.

PUBLICIDADE