Google Play Music estrea contas familiares

mércores, 9 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Os servizos de streaming musical están a imporse ás descargas, e para facer máis asumible a súa contratación tanto Spotify como Apple Music contan con plans familiares, que permiten a varios usuarios acceder ao servizo de música baixo demanda por cantidades que están no contorno dos 15 euros/mes, e agora Google súmase ao mesmo modelo, e anuncia hoxe que por 14,99 dólares/mes os usuarios de dispositivos Android (aínda que tamén é compatible con iOS e a web) nos EE.UU., Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña (máis adiante chegará a outros países) poderán contratar un plan familiar para acceder a Google Play Music, podendo sumar á súa conta a 5 familiares, que terán todos as mesmas prestacións que o usuario principal: acceso ao servizo sen publicidade, acceso ilimitado a máis de 35 millóns de cancións e unha experiencia de uso personalizada para cada un (con música recomendada en función dos gustos de cada usuario). A chegada desta nova modalidade de contratación en España aínda non se sabe cando será posible.
No caso dos EE.UU. este servizo sería aínda máis atractivo, xa que, aparte do acceso aos contidos musicais, funcionaría tamén como un acceso familiar a YouTube Red, ou sexa, que permitiría gozar de YouTube sen publicidade (xunto con outras vantaxes).

PUBLICIDADE