Google News volverá a España en 2022

mércores, 3 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Tras a aprobación do Real Decreto-lei 24/2021 de 2 de novembro que traspón as directivas da Unión Europea de dereitos de autor e dereitos afíns aplicables a determinadas transmisións en liña dende Google anuncian que reabrirán o servizo Google Noticias, pechado en 2014 despois dunha reforma da LPI que convertía a compensación pola publicación de extractos de novas nun dereito irrenunciable, de xeito que Google tería que pagar aos xornais escolmar os seus contidos, cando ese servizo era unha importante fonte de tráfico para os medios de comunicación (ou sexa, que xa obtiñan un claro beneficio).
Está previsto que Google Noticias vote a andar novamente en España a primeiros de 2022, ofrecendo ligazóns a novas útiles e relevantes, procedentes dun amplo espectro de fontes, que axudarán aos españois a atopar máis informacións sobre a actualidade e profundar nas temáticas. Esta ferramenta pode verse de grande utilidade tanto para a loita contra a desinformación como para que xornalistas e editores cheguen a máis lectores.
O que de momento non detallaron é se a plataforma informativa volverá deixar de lado os contidos en linguas distintas ao español, como facían anteriormente, en claro prexuízo para os medios en galego.

PUBLICIDADE