Google News podería volver a España

martes, 26 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

As traspoñer a directiva europea que regula a propiedade intelectual en España optouse por incorporar a compensación pola cita da prensa como un dereito irrenunciable, ou sexa, que o servizo de Google News tería que pagar obrigatoriamente aos medios por darlles visibilidade no buscador, algo ao que non estaban dispostos, de aí que optaron por pechar o servizo en España.
Esta medida foi un claro prexuízo para a prensa, que en vez de conseguir unha nova fonte de ingresos, perdeu unha importante fonte de tráfico cara ás súas páxinas web, e tras moito tempo de negociacións, semella que a situación podería reverterse, xa que Google estaría a pechar acordos cos medios españois que entrarían en vigor de modificarse a lexislación española para eliminar a irrenunciabilidade do chamado canon AEDE.
No resto de países europeos pecháronse acordos nos últimos anos que están a resultar beneficiosos para a prensa, xa que poden aproveitar a visibilidade de Google para destacar algunhas das súas novas, levando tráficos ás novas que estean en aberto, ou instando á subscrición nas novas que estean baixo un muro de pagamento.
O caso de Google News en España deixou claro que Google non gusta dos ultimatos por parte dos gobernos, e non ten reparos en pechar servizos ante a imposición de taxas que non consideran xustificadas e, de feito, actualmente hai un forte pulso entre Google e o goberno de Australia, que podería levar a que o buscador de Google deixase de estar dispoñible no territorio australiano (aínda que mantendo o resto de servizos de Google como Gmail).

PUBLICIDADE