Google Meet identifica aos usuarios que provocan eco nas chamadas grupais

martes, 24 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Unha notificación alerta ao usuario que provoca eco en Google Meet

Durante a realización de videochamadas en grupo é bastante habitual que algún dos usuarios provoque molestos ecos que estraguen a experiencia conxunta, e para atallar tal situación Google Meet está a incorporar unha nova funcionalidade que consiste en que, cando o servizo de videoconferencia non é quen de suprimir un eco, alerta ao usuario que o provoca a través dunha notificación que levará a unha serie de recomendacións para solucionar o problema.
Entre os consellos habituais para evitar os ecos están o uso de auriculares, a redución do volume dos altofalantes e silenciar o micrófono cando non se fala. Precisamente silenciar o micrófono cando non se ten a quenda de palabra é unha recomendación que está a incorporarse ao protocolo que debemos seguir na meirande parte das plataformas que permiten a conversa grupal, o que nalgunhas plataformas resulta de especial utilidade xa que cando un usuario abre o micrófono indicaría que ten intención de comentar algo, contribuíndo así á moderación das conversas (nas plataformas que deixan visible o estado do micrófono dos participantes).
A nova funcionalidade de Google Meet estará dispoñible para todos os usuarios do servizo antes do remate da semana que vén.

PUBLICIDADE