Google Maps para Android incorpora check-ins

martes, 1 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A febre das aplicacións para facer check-in dende o móbil para indicar aos nosos amigos en qué establecementos estamos nun momento dado valéndonos do GPS para a nosa xeolocalización chega agora a Google Maps, de xeito que a versión 5.1 para Android desta aplicación mellora a súa integración con Latitude engadindo a posibilidade de combinar a nosa situación con locais que haxa ano noso redor. Esta funcionalidade resulta práctica para que, por exemplo, os nosos amigos e familiares poidan saber que estamos a tomar algunha nunha cafetería para que poidan unírsenos se están preto do lugar.
Para facilitar o uso desta nova funcionalidade é posible automatizala, de xeito que podemos elixir que cando cheguemos a certos lugares en concreto o noso móbil faga check-in sen a nosa intervención, á vez que tamén fará check-out cando deixemos o local en cuestión.
Entre as vantaxes de integrar o check-in en Google Maps está o feito de que intégrase nunha ferramenta moi completa que facilita o salto entre distintas aplicacións, de xeito que ao chegar a un local podemos comprobar a súa páxina en Google Places ou empregar o sistema de navegación GPS para chegar ao local onde están os nosos amigos. Amais, se frecuentamos algúns locais o sistema indicará a nosa fidelidade mediante distintos niveis (como habitual, VIP e gurú).
Estas novidades chegarán pronto ás aplicacións de Google para iPhone, e só son un paso máis da estratexia de Google de cara a potenciar as buscas locais dende o móbil.

PUBLICIDADE