Google Maps Navigation ten agora en conta o estado do tráfico no cálculo de rutas

luns, 7 de marzo do 2011 Marcus Fernández

A nova aplicación ten en conta o estado do tráfico para calcular as rutas máis rápidas

O servizo de navegación para móbiles baseado nos mapas de Google vén de actualizarse, coa incorporación dunha funcionalidade que aínda non podemos ver en España (aínda que si en Francia ou Reino Unido, entre outros países europeos) que consiste nun sistema de cálculo de rutas en función do tráfico, de xeito que o móbil podería empregarse como unha ferramenta para evitar os atascos de tráfico.
Nun principio, esta aplicación de Google realiza o cálculo de varias rutas alternativas en bases aos tempos habituais que levaría recorrelas, pero con esta última actualización procurará o cálculo en tempo real sempre que sexa posible.
Cambios no Android Market
Pero a actualización do Google Maps Navigation non é a principal novidade na tenda de aplicacións de Android, senón que esta mesma plataforma de distribución de software vén de actualizarse atendendo a uns problemas de seguridade xurdidos nos últimos días.
Coa actualización de seguridade do Android Market elimináronse distintas aplicacións maliciosas, canceláronse as contas asociadas aos desenvolvedores das mesmas, iniciaron medidas legais contra os seus responsables, eliminaron de xeito remoto as aplicacións perigosas e engadiron novas medidas de seguridade para evitar que se repita tal situación.

PUBLICIDADE